Back

ⓘ Breogán, tamén identificado como Brigo, é un rei mitolóxico céltico de Galicia que é descrito como o fundador da cidade de Brigantia e o construtor dunha gran t ..



Breogán
                                     

ⓘ Breogán

Breogán, tamén identificado como Brigo, é un rei mitolóxico céltico de Galicia que é descrito como o fundador da cidade de Brigantia e o construtor dunha gran torre, identificada coa Torre de Hércules. A principal fonte documental sobre Breogán é o Lebor Gabála Érenn, un compendio medieval sobre os mitos fundacionais dos irlandeses. Neste compendio é descrito como o fillo de Brate, e o pai de Ite e Bile, entre outros, así como o devanceiro dos gaels. Ademais cóntase como os gaels descenden de Adán, a través dos fillos de Noé, e como chegaron a Irlanda a través de Galicia.

É a personificación nacional de Galicia, sendo mencionado dúas veces no himno Os Pinos a través de referencias metafóricas a Galicia como o "Fogar" e a "Nazón de Breogán".

                                     

1. Etimoloxía

Unha posible explicación da orixe do nome de Breogán podería ser da expresión Breo-genus fillo de Breo, sendo Breo o Brate gaélico. Mostra disto poden ser as aras votivas adicadas ao deus lar Berobreo localizadas no Monte Facho de Donón, no concello de Cangas do Morrazo. As aras están escritas en latín, sendo de resaltar que deus lar significaba na súa orixe defunto divinizado ", polo que se podería traducir como aras adicadas ao defunto divinizado Berobreo.

                                     

2. A lenda

De acordo cos relatos do Lebor Gabála Érenn, os devanceiros de Breogán pasaron 440 anos vagando pola Terra, someténdose a unha serie de probas e tribulacións, unha historia que está baseada na dos israelitas do Antigo Testamento. Esta parte da lenda foi creada en tempos medievais, nos séculos XI-XII, cando existía unha gran tradición cristiá no momento da súa transcrición. Eventualmente embarcaron dende Exipto, fuxindo das pragas da época de Moisés e chegaron á península Ibérica, conquistándoa. Isto débese contrastar co achado dun escudo celta en Faiyum, Exipto, tal como nos mostra a obra clásica The Celts de T.G. Powell, onde se destaca que existían "mercenarios" celtas en Exipto dende o ano 274 a.C.

No noroeste da península, un dos líderes celtas, Breogán, fundou a cidade chamada Brigantia identificada coa Coruña e erixiu unha gran torre, a Torre de Breogán identificada coa Torre de Hércules construída polo romanos. Dende o máis alto da torre, o seu fillo Ite albiscou a illa de Irlanda. A visión desa terra provocou que os gaels e Ite navegasen cara a Irlanda nunha expedición pacífica. Alí, Ite sería asasinado polos tres reis dos Tuatha Dé Danann, Mac Cuill, Mac Cécht e Mac Gréine. En vinganza, os oito fillos do neto de Breogán, Míl Espáine, e os nove irmáns de Ite, partiron dende Brigantia a Irlanda en trinta e seis naves lideradas por Érimón e Éber Donn, e conquistárona. O nome Míl Espáine provén do latín Miles Hispaniae "soldado de Hispania" e é probablemente unha invencións dos escritores cristiáns.

Os fillos de Míl, coñecidos como os milesianos, desembarcaron no Condado de Kerry e abríronse camiño loitando até o outeiro de Tara. Durante a conquista, as esposas dos treis reis dos Tuatha Dé Danann, Ériu, Banba e Fodla, pedíronlles que a illa recibise o seu nome: Ériu é a forma máis antiga do nome moderno de Éire, e Banba e Fodla eran empregados como os nomes poéticos para Irlanda, como Albion para Britania. En Tara, os fillos de Míl reuníronse cos tres reis, e decretouse que os invasores regresasen ás súas naves e navegasen unha distancia de nove ondas, se eran quen de desembarcar de novo, Irlanda sería súa. Navegando de novo, os Tuatha Dé Danann empregaron a súa maxia para desencadear unha treboada, na cal cinco dos fillos de Míl pereceron, quedando só con vida Éber Finn, Érimón e Amergin o poeta. Porén, Amergin realizou unha invocación chamando polo espírito de Irlanda coñecida como a "Canción de Amergin" grazas á cal puideron desembarcar e tomaron a illa na batalla Tailtiu. Os tres reis dos Tuatha Dé Danann foron derrotados en combate singular polos tres fillos superviventes de Míl, Éber Finn, Érimón e o propio Amergin. Despois da vitoria, Amergin dividiu o reino entre Érimón, quen gobernou no norte, e Éber Finn, que gobernou no sur.

Un ano despois da batalla de Tailtiu, Éber Finn non estaba conforme gobernando só a súa metade e loitou contra o seu irmán en Airgetros, sendo derrotado e asasinado, e dous anos máis, Érimón derrotou a Amergin noutra batalla. A tradición local en Drogheda sinala o seu lugar de enterramento baixo Millmount. Érimón converteuse no único gobernante de Irlanda. O alto reinado alternaríase entre os descendentes de Éber e os de Érimón. Entre os fillos de Éber estaban Conmáel, Ér, Orba, Ferón e Fergna.

                                     

2.1. A lenda Difusión da lenda

A primeira mención na historiografía á relación entre Galicia e as illas Británicas provén do século V, onde o historiador da Gallaecia Paulo Orosio na súa obra Historiæ adversus paganos 417 ou "Historia contra os pagáns" menciona a "Torre de Brigantia" como un faro moi alto que mira cara a Britania, o cal podería suxerir unha relación marítima entre Galicia e as illas. Ademais, describe a Irlanda "entre Iberia e Britania".

A lenda de Breogán recollida no Leabhar Gabhála entre os ano 900-1000 xa era coñecida en Galicia naquela época como demostra a lenda galega de Trezenzonio, sendo un caso excepcional de mitoloxía compartida entre dúas nacións atlánticas. A lenda de Trezenzonio é unha historia semellante sobre un monxe que viaxou a unha illa marabillosa que divisou dende o máis alto da Torre de Brigantia, e foi escrita en latín nos primeiros anos do século XI en Galicia. A historia, preservada en dous manuscritos do século XIV, é coñecida como Trezenzonii de Solistitionis Insula Magna "A Grande illa do solsticio de Trezenzonius". O seu fillo foi Bile, que á súa vez era o pai de Milesius tamén chamado Míl Espáine, o suposto devanceiro de tódolos irlandeses. Malia que isto é considerado como un mito, a teoría da conquista de Irlanda por pobos provenientes da península Ibérica en tempos prehistóricos concorda cun estudo xenético elaborado en 2006 na Universidade de Oxford, que concluíu que a maioría da poboación das illas Británicas é descendente de granxeiros e pescadores neolíticos orixinarios das rexións norteñas da península Ibérica.

En decembro de 1601, os irlandeses perderon a batalla de Kinsale contra Inglaterra e debido a isto moitos condes gaélicos dediciron abandonar o país para evitar represalias. O conde Hugh Roe ODonnell en irlandés: Aodh Ruadh Ó Domhnaill, un líder rebelde que loitou en Kinsale, foi un dos numerosos irlandeses que decidiron quedar en Galicia. Escapou dende Castlehaven o 6 de xaneiro de 1602, e chegou á Coruña o día 14, onde foi recibido con honras polo Gobernador de Galicia e polo Arcebispo de Santiago de Compostela, onde foi fundado o Antigo Colexio dos Irlandeses en 1605. Alí foi levado a "visitar a Torre de Betanzos, onde segundo as lendas dos bardos os fillos de Milesius partiron cara a Illa do Destino". O feito de que o conde ODonnell fose levado a visitar o faro amosa que a lenda de colonización de Irlanda era coñecida en Galicia no século XVII.

Tamén do século XVII é a historia do príncipe Gatelo, un rei que fundou a cidade de Brigancia, casou coa princesa Scota, e despois colonizou Irlanda e Escocia.

A idea de que os gaels irlandeses proveñen do norte da antiga Hispania pode estar baseada nas semellanzas dos nomes Iberia e Hibernia de Galicia e Gael. Pseudohistoriadores medievais fixeron declaracións semellantes sobre outras nacións baseándose nos seus nomes.



                                     

3. Descendentes

Breogán tivo nove fillos máis alén de Bile, o pai de Míl Espáine. Deles, Ite foi o primeiro en chegar a Irlanda e foi asasinado polos fillos de Cermait, o que provocou que a súa familia se vingase. O fillo de Ite, Lughaidh, conmemórase no topónimo Corca Luighe, e os irmáns de Ite están presentes noutros lugares de Irlanda: Breogha, Cuailgne, Muirtheimhne e Cualu nos territorios dos seus descendentes; Fuad, Bladh e Eibhle nas montañas e Nár en "Ros Náir" en Slieve Bloom e "Cathair Náir" en Slieve Mish.

                                     

4.1. Legado cultural No himno de Galicia

O primeiro texto do himno de Galicia, creado por Eduardo Pondal, foi titulado orixinalmente Breogán. Logo de varias redaccións, o texto definitivo publicouse o 22 de maio de 1890 como Os Pinos. Na letra do himno, Breogán é mencionado dúas veces, e nel Galicia descríbese poeticamente coma o fogar e a "nazón" de Breogán.

                                     

4.2. Legado cultural Na onomástica

Segundo datos do ano 2019 do Instituo Nacional de Estatística de España, Breogán é o nome propio de 610 persoas en Galicia, cunha media de idade de 15.7 anos.

Ademais é o nome propio de personalidades galegas como o escritor Breogán Riveiro, o xogador de fútbol Breogán Pereiro ou o político Breogán Riobóo.

                                     

4.3. Legado cultural No deporte

O equipo profesional de baloncesto da cidade de Lugo, o Club Baloncesto Breogán, fundado en 1966 polos irmáns Juan e José Ramón Varela Portas, recibe o seu nome na súa honra. O equipo de piragüismo Club Breogán do Grove tamén recibe o nome polo personaxe mitolóxico. Tamén o Fillos de Breogán, primeiro equipo galego de fútbol gaélico, fai referencia no seu nome a esta personaxe mitolóxica.

                                     

4.4. Legado cultural Na música

ano 2014, o grupo de folk galego Luar na Lubre gravou o álbum en directo Torre de Breoghán. A Luz dos Milésians xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia. O álbum foi publicado o 2 de decembro de 2014, baixo o selo Warner Music. Está baseado en episodios do relato de Lebor Gabála Érenn Libro das invasións de Irlanda, no que se narra a invasión de Irlanda polos Milesios, que chegarían procedentes de Brigantia A Coruña. No DVD inclúese o concerto íntegro, que foi gravado en directo os días 21 e 22 de xuño de 2014, no Palacio da Ópera da Coruña.

                                     

4.5. Legado cultural Nos videoxogos

O videoxogo The Waylanders, desenvolvido polo estudio coruñés Gato Studio, está ambientado na lenda de Breogán e na construción da torre de Brigantia. Parte da historia está relacionada co Libro das Invasións e a conquista de Irlanda.

Free and no ads
no need to download or install

Pino - logical board game which is based on tactics and strategy. In general this is a remix of chess, checkers and corners. The game develops imagination, concentration, teaches how to solve tasks, plan their own actions and of course to think logically. It does not matter how much pieces you have, the main thing is how they are placement!

online intellectual game →